martes, 9 de abril de 2013

Premio de textos teatrales en galego. Dotación para dous premios: 3.000E cada un

Convócase a sétima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

08/04/2013 17:54
 
Escoita esta páxina usando ReadSpeaker
Convócase a sétima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
A Radio Galega organiza de novo este certame, patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dotado economicamente con 6.000 euros

As obras finalistas emitiranse ao longo do mes de xuño na programación da Radio Galega e serán publicadas na páxina web da CRTVG

O galardón reactiva a radio como soporte para explorar cos materiais e as premisas da creación contemporánea
Santiago, 08.04.2013.- Ábrese o prazo para a presentación de orixinais á sétima edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.
A sétima edición do Premio de Teatro Radiofónico desenvolverase ao longo dos meses de abril, maio e xuño de 2013. O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse ao longo do mes de xuño nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas o xurado escollerá a obra galardoada co premio do xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.
A Radio Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, asume a organización e o desenvolvemento do certame creado en 2006.
Once autores e autoras premiados e máis de 200 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos, escenógrafos e profesionais da edición e da produción participaron nesta iniciativa que procura dar un novo pulo en Galicia a un xénero con moita historia, pero que nos últimos anos quedara preterido en relación con outras propostas e formatos.
David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con “O Bambam”. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio da audiencia. Na segunda edición premiáronse as obras “O mal da vaca”, de Begoña García, premio do xurado e “Saltimbanqui” de Lois Pérez, premio da audiencia. Quico Cadaval dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira “Pico” e Fernando Pedrido. Rubén Ruibal e César Candelas, autores de “Peter Buckley”, gañaron os premios do xurado e da audiencia na terceira edición. Candido Pazó dirixiu a adaptación radiofónica, interpretada por Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Pepo Suevos, Miguel Varela e Marcos Correa. A obra “Indoor” de Vanesa Sotelo recibiu o premio do xurado na cuarta edición e “O vento da illa” de Begoña García o da audiencia. Ánxeles Cuña dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja e Josito Porto. Na quinta edición o escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou os premios do xurado e da audiencia coa obra “Paraísos”. Ana Vallés dirixiu a adaptación radiofónica interpretada por Laura Ponte, Mónica Caamaño, Margarita Fernández, Nuria Sanz, Manu Lago, Roberto Leal e Marcos Viéitez. Na sexta edición a obra que recibiu o premio do xurado foi “Poema sinestésico para tres voces e un can” de Eva F. Ferreira e a galardoada co premio da audiencia foi “Intercom - baby” de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Evaristo Calvo dirixiu as adaptacións radiofónicas das obras, que foron interpretadas por Víctor Mosquera, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González , Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José L. López Sacha.
Todas as obras premiadas e finalistas están publicadas na colección “Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico” de Edicións Xerais de Galicia.
O prazo de presentación de orixinais da sétima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico rematará o 3 de maio de 2013. As bases pódense consultar na web crtvg.es.
Na foto superior, un momento da gala de entrega do sexto Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico, con Evaristo Calvo, Ana Romaní e Anxo Quintela.

No hay comentarios: