sábado, 2 de marzo de 2019

DIANA VARELA PUÑAL Y DOS DE SUS MEJORES POEMAS


DIANA VARELA PUÑAL 
(Corme, A Coruña, España, 1981)

Autora de teatro, novela e poesía, esta 
avogada e escritora afiánzase no panorama literario galego. Foi galardoada cunha serie de premios nos diferentes xéneros literarios nos que escribe. Os seus poemas son elegantes, próximos e, nalgúns casos, rotundos, como o primeiro que presentamos.

EMIGRANTES
Na grisalla húmida dun setembro,
á volta da escola,
os bisavós calados, na cociña;
ninguén explicara aquela intromisión,
aquelas roupas enriba da cama,
aquela tristura dos seus ollos,
nos meus, a desconfianza.

Ó meu bisavó gustábanlle as laranxas
e xiringábame zume ó partilas.
Ó pasear cantaruxaba sen abrir a boca,
marcando o ritmo coas mans,
e arrastrando os pés.
Meu bisavó era músico
e emigrara dúas veces:
a primeira vez, de mozo,
chegou a América,
a segunda vez, de vello,
á nosa casa.



CANTO Ó HOME

Que nunca falte o home que refresque
a mañá con loureiro de ramos
e sosteña a mirada firme da muller que ama,
que eu, muller, agradezo o home.
Ríndome á música impregnada entre as sabas
e ós bicos de froitas antes de ir ó traballo,
ríndome ó espertar poderoso do home,
ó peito dourado e á voz grave.
Por ti, a beleza da luz e da auga,
da primavera e da xuventude,
da risa e da calma.
A ofrenda dos meus días,
as miñas palabras.


No hay comentarios: